Réxese pola Normativa de permanencia e progreso do estudantado das titulacións oficiais de grao e máster universitarios da Universidade de Vigo.
- Estudante a tempo completo –matrícula ordinaria-: entre 48 e 60 créditos por curso académico, agás no caso de estudantes aos cales lles falten menos de 48 créditos para rematar os estudos. Permitiráselle a matrícula aumentada ata 75 créditos con materias cursadas e non superadas ou con simultaneidade de estudos.
- Estudante a tempo parcial –deberá solicitarse expresamente ao órgano de dirección do centro no momento de efectuar a primeira matrícula na Universidade de Vigo e renovarse no momento de cada nova matriculación-: entre 24 e 48 créditos por curso acadêmico, agás no caso de estudantes aos cales lles falten menos de 24 créditos para rematar os estudos. Permitiráselle a matrícula aumentada ata 54 créditos con materias cursadas e non superadas ou con simultaneidade de estudos. O alumnado con capacidade diminuída poderá solicitar un réxime de permanencia reducido que supón unha matrícula por curso entre 6 e 24 créditos.
Poderase autorizar, polas persoas responsables dunha titulación, a matriculación en máis créditos dos establecidos para o seu réxime de permanencia ao estudantado que acredite, mediante un informe do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo, as súas altas capacidades.
Cada estudante do mestrado, para poder continuar estudos na mesma titulación na Universidade de Vigo, deberá:
- No caso da súa primeira matrícula no primeiro curso, obter un mínimo de 18 dos créditos matriculados no curso se está en réxime de tempo completo e 6 créditos se está en réxime de tempo parcial, agás que lle restasen menos créditos para acadar o primeiro curso completo.
- No caso da súa matriculación para continuación de estudos, obter cada 2 anos de permanencia polo menos 60 créditos cando teña o réxime de tempo completo, e 12 créditos cando teña o réxime de tempo parcial. No cómputo destes créditos non se terán en conta os obtidos por recoñecemento.
Cada estudante poderá matricularse ao longo da súa permanencia nos estudos do dobre dos créditos necesarios para obter a titulación. No cómputo destes créditos restarase o dobre dos obtidos por recoñecemento. O esgotamento deste número de créditos impedirá continuar os estudos desta titulación na Universidade de Vigo
Os créditos obtidos por permanencia non computarán para os efectos de permanencia.
Con carácter extraordinario, o reitor ou reitora poderá autorizar a continuidade nos estudos, por pedimento da persoa afectada, sempre que se dean causas de forza maior suficientemente acreditadas, que afectasen ao seu rendemento académico.